Os XXIX Premios de Teatro María Casares rendirán tributo ás compañías de teatro de furgoneta

A cidade da Coruña acollerá o vindeiro xoves, 3 de abril, a gala de entrega dos XXIX Premios de Teatro María Casares, que terá lugar no Teatro Rosalía de Castro a partir das 20.30 horas. A cerimonia será presentada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, xunto a Fernando Dacosta, director desta edición, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, e Arantza Villar, presidenta de AAAG.
Este ano, a gala renderá un emotivo tributo aos diferentes oficios que compoñen o mundo do teatro, co concepto das compañías de teatro de furgoneta, que reflicte a vida itinerante dos e das artistas. “Desde o Goberno de Inés Rey temos unha sensibilidade especial polo teatro e a dramaturxia, por iso contamos na cidade con ciclos de gran prestixio como o Principal, do Rosalía, que esta fin de semana terá tres cheos consecutivos coa obra ‘1936’”, comentou Gonzalo Castro.
A imaxe da furgoneta, que protagoniza o cartel desta 29ª edición asinada por Sonia García, representa dende a contemporaneidade o concepto clásico das compañías ambulantes e dos cómicos da legua. A gala contará cun equipo artístico dirixido por Fernando Dacosta e composto por seis actores da compañía Sarabela Teatro: Elena Seijo, Sabela Gago, Belén Constenla, Josito Porto, Fernando González e Víctor Mosqueira. A música correrá a cargo de Vadim Yuknevich, o vestiario será obra de Tegra e Lele, e a iluminación e son estarán a cargo de José Bayón e Rubén Dobaño, respectivamente. Héctor Martínez exercerá como auxiliar de dirección e Marta Horjales como produtora executiva.
Ademais, durante a gala rendirase un homenaxe póstumo a Xabier Deive, que falecía no mes de xullo do ano pasado. O actor recibirá o Premio de Honra Marisa Soto, que recoñece a súa traxectoria no mundo do teatro. Deive, coñecido por moitos como un dos rostros máis representativos do teatro galego, tamén foi presidente da AAAG entre 2019 e 2021, anos especialmente difíciles para o sector debido á pandemia.
Un total de 17 espectáculos optan este ano aos Premios María Casares. Sarabela Teatro aspira a 14 galardóns grazas á súa obra ‘O dragón de ouro’, mentres que ButacaZero e a súa peza ‘Iribarne’ competen por 12 premios. Ambas as dúas obras disputarán o premio a mellor espectáculo xunto con ‘Go Home’, de Etiqueta Negra.
Tamén destacan obras como ‘Os actos e as profecías’, do Centro Dramático Galego, e ‘As gardiás ou o nó do tecelán’, de Teatro de Ningures, que competen en catro categorías. O premio a mellor espectáculo infantil será un dos máis reñidos, con ‘Monstros’, de Producións Teatráis Excéntricas; ‘O mundo está roto pero pódese camiñar’, de Contraproducións; e ‘PUM! PUM! Quen hai?’, de Ártika Cía., entre os finalistas.
A lista de finalistas tamén inclúe tres obras no apartado de espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas: ‘Os contos do Lobicán’, de Redrum Teatro; ‘Moby Dick’, de Pedras de Cartón; e ‘Gaia Baba, a meiga’, de Nauta Teatro.