Os veciños de O Temple, en Cambre, convocan para o venres 7 de novembro unha mobilización para esixir o mantemento dos equipamentos do barrio

A veciñanza de O Temple sairá á rúa o venres 7 de novembro para denunciar as deficiencias nos equipamentos do barrio, con especial incidencia no pavillón deportivo e nos parques infantís. A convocatoria, promovida polo AMPA Mencer do CEIP O Graxal, ten carácter pacífico e desenvolverase ás 18.00 horas na rotonda da Casa das Palmeiras.
Segundo a comunidade educativa e o tecido asociativo, a mobilización busca visibilizar unha situación que consideran prolongada no tempo e que afecta ao uso normal de instalacións clave para nenos, nenas e familias. Entre as queixas, salientan o peche do pavillón desde o 26 de setembro por caída de pequenos cascallos e a necesidade de solucións temporais mentres non se executan as reparacións definitivas. Tamén poñen o foco no deterioro doutros espazos públicos de lecer e práctica deportiva.
A organización anima a asociacións do municipio a participar para trasladar conxuntamente as necesidades do barrio e demanda un calendario de actuacións que permita restablecer a actividade nos equipamentos afectados canto antes. A protesta consistirá nunha concentración con pancartas reivindicativas e non interromperá o tráfico máis alá do espazo previsto na glorieta.