Os veciños de Infesta esixen á Xunta respectar a Lei das plantacións de eucalipto en Requián

A Plataforma veciñal de Infesta denunciou o incumprimento da Lei de plantacións de eucalipto na parroquia de Requián, no concello de Betanzos. Segundo aseguran, ningunha das plantacións respecta as distancias mínimas legais, que establecen 10 metros respecto a vías e 50 metros respecto a vivendas, e tampouco se gardan distancias a regatos e mananciais.
Veciños de zonas como Casas Novas e a Peada levan presentando denuncias reiteradas que non foron atendidas, e alertan de que en varios puntos os eucaliptos invaden a calzada e rodean tendidos eléctricos, o que incrementa o risco, especialmente arredor da factoría madeireira BetanzosHB, onde se acumulan grandes cantidades de madeira e produtos inflamables.
A plataforma critica a inacción municipal, que se limita á apertura de expedientes que permanecen sen resolver, e anuncia que solicitará unha reunión coa Delegada do Goberno da Xunta de Galicia para esixir medidas efectivas. Entre as demandas inclúense a tala de árbores que invadan zonas prohibidas, a aplicación de sancións, talas por vía executiva e a limpeza obrigatoria das fincas próximas ás vivendas.
Tras a recente onda de incendios, a organización advirte que non permanecerá calada ante o abandono das obrigas administrativas por parte da Xunta e do Concello, e que convocará protestas se non se actúa con contundencia para garantir a seguridade e o respecto á legalidade.