Os V Premios Luísa Villalta galardoa a tres proxectos pola igualdade
A peza escénica 'As damas de Ferrol', de Teatro no Noroeste, e os programas de sensibilización 'As Marías: mulleres creadoras fronte ás violencias', da ONG Ecos do Sur, e 'Mulleres da rúa', da asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros, son as tres propostas gañadoras do V Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, que convoca a Deputación da Coruña. As dúas primeiras recibirán 12.500 euros, e a terceira, 6.500. A esta edición do certame presentáronse 17 proxectos.
O xurado, presidido pola deputada de Igualdade, Sol Agra, formárono a xornalista María Obelleiro, o artista multidisciplinar e escritor Sergio Marey e a técnica de igualdade da Deputación, Eva Ovenza; como secretaria actuou Carolina Buhigas, xefa da sección Servizos Sociais provincial.
Sobre os proxectos premiados
'As damas de Ferrol', de Teatro do Noroeste. A compañía galega concorreu ao Villalta cunha revisión do texto de Eduardo Alonso, unha comedia negra en clave feminista ambientada nunha Ferrol en decadencia. O xurado valorou “a súa capacidade de promover avance en materia de igualdade violencia machista, diversidade, interseccionalidade e interxeracional”.
'As Marías: mulleres creadoras fronte ás violencias', da ONG Ecos do Sur. Este programa de sensibilización busca intervir na sociedade para dar visibilidade e previr sobre as diversas formas da violencia machista exercidas sobre a muller migrante, que representan preto do 34% das vítimas mortais de violencia de xénero. É un proxecto de sensibilización que aborda a súa proposta dende a perspectiva pedagóxica das artes escénicas e audiovisuais. Tomando conciencia das dificultades de participación das mulleres e da sociedade en xeral fronte as violencias, Ecos do Sur, utiliza a ferramenta do teatro e a creación artística para vencellar ás mulleres en temáticas de promoción da igualdade.
O xurado valorou positivamente “a capacidade do proxecto de promover avances en materia de igualdade, violencia, diversidade, interseccionalidade e transversalización de xénero, así coma a súa capacidade transformadora a prol da superación das desigualdades de xénero e as posibilidades de cambio social”. Tamén salientou o nivel de coordinación da proposta, “capaz de xerar sinerxías e redes de traballo co tecido asociativo, empresarial e cultural e educativo”.
'Mulleres da rúa', da asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros. Este proxecto ten como fin promover rúas da Coruña con nome de muller para fomentar actitudes favorables á igualdade de xénero a través da visibilización das mulleres coruñesas que desatacan ou destacaron en diversos eidos da ciencia, a cultura, a historia ou a música.
Para o xurado, a proposta “está ben estruturada e é innovadora, pois se desenvolveu a través das novas tecnoloxías, tan necesarias no momento actual e capaces de aportar á cidadanía ferramentas de innovación social: procesos de traballo para fomentar a creatividade entre equipos, técnicas de aprendizaxe que trasladan a mecánica dos xogos aos ámbitos educativo e profesional, xuntanzas en liña abertas e participativas e encontros de programadores, entre outras.
O obxectivo deste certame convocado pola área de igualdade da Deputación é rendir homenaxe e contribuír a divulgar a obra e a figura de Luísa Villalta, destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical como no literario, e do activismo e compromiso social coa transversalidade e o enfoque de xénero na súa escrita, a prol da loita pola igualdade real e o apoderamento das mulleres.