Os socialistas denuncian a inacción do Concello de Oleiros fronte ao alugueiro turístico

ACoruñaXa
O PSOE tamén cuestiona a eficacia do equipo de goberno en tramitar subvencións en convocatorias anteriores
Imaxe da casa do Concello de Oleiros
12 Feb 2025

O grupo socialista de Oleiros levou ao Pleno de abril de 2024 a seguinte pregunta: “Que fórmulas reais utiliza e aplica o Concello de Oleiros para limitar o alugueiro turístico, ese que a vostede tanto lle desagrada?”. Traslada que a cuestión quedou sen resposta por parte do goberno local.

Os socialistas lembran que o Decreto 12/2017, que regula a ordenación dos apartamentos e vivendas turísticas en Galicia, outorga aos concellos a capacidade de establecer límites sobre o número máximo de vivendas de uso turístico por edificio ou sector. Sen embargo, denuncian que o Concello de Oleiros non tomou ningunha medida para exercer esta competencia, permitindo que cada verán proliferen vivendas destinadas a este fin sen control.

“É unha nova estrataxema para desviar a atención e evitar render contas sobre o fracaso da súa política de vivenda, que só beneficia aos promotores inmobiliarios ao tempo que prexudica aos veciños”, afirman os socialistas. Neste sentido, critican que o goberno local rebaixe un 95 % o IBI ás promotoras mentres lles incrementa un 10 % aos cidadáns. Esta política, sinalan, está a expulsar á veciñanza de Oleiros debido aos elevados prezos da vivenda.

O PSdeG-PSOE de Oleiros tamén cuestiona a eficacia do equipo de goberno na tramitación de subvencións en convocatorias anteriores. “Seguimos preguntándonos para que serven os sete asesores contratados a dedo polo Concello, cun custo de 200.000 euros anuais, se non son quen de tramitar correctamente unha solicitude”, denuncian.

Ademais, acusan ao executivo municipal de utilizar os espazos oficiais para difundir información sesgada e pouco veraz, en lugar de ofrecer datos obxectivos e contrastables. “Lendo as resolucións das solicitudes presentadas, podemos comprobar que os motivos de rexeitamento das axudas non se corresponden co que está a afirmar o Concello, o que agrava a mala xestión realizada na tramitación desas subvencións”, conclúen os socialistas.

 

0.1642599105835