Os socialistas denuncian a falta de médicos no Centro de Saúde de Irixoa
O PSdeG-PSOE de Irixoa denunciou publicamente a falta de médicos no Centro de Saúde da localidade, o que está afectando gravemente á veciñanza. A voceira socialista local, María José Cal, esixiu á Xunta de Galicia que "restableza un servizo digno para a veciñanza", lamentando a situación que os recortes da Consellería de Sanidade causaron na zona.
Cal explicou que "os médicos están a vir ao centro só dúas ou tres veces por semana, se é que veñen, e só durante tres horas", un problema que persiste desde hai meses sen que se atope solución. "É inaceptable que os veciños e veciñas de Irixoa non teñan garantida unha atención médica adecuada", subliñou a voceira.
A dirixente socialista concluíu a súa intervención esixindo á Xunta que "deixe de desmantelar os servizos públicos e garanta unha atención médica de calidade para os veciños e veciñas de Irixoa".