Os socialistas de Oleiros insisten na construción dun novo centro de saúde en Mera

O PSOE de Oleiros reiterou a súa esixencia á Xunta de Galicia para que planifique e constrúa un novo centro de saúde en Mera, criticando duramente o acordo entre Alternativa dos Veciños (AVV) e o Partido Popular, que segundo denuncian só supón “un parche” sobre as instalacións actuais, afectadas por problemas estruturais.
Segundo lembraron os socialistas, xa en xaneiro de 2024 puxeran terreos municipais a disposición do Goberno autonómico para levantar un novo ambulatorio, unha proposta que daquela foi rexeitada pola maioría gobernante, que organizou no seu lugar unha manifestación.
Os socialistas aseguran que a deficiente situación estrutural do edificio actual, con desprendementos de elementos estruturais como cornisas e piares de formigón, fai inviable calquera intervención parcial, sinalando que a proposta de AVV de cambiar o uso da segunda planta é “pan para hoxe e fame para mañá”. Consideran que a única saída responsable é construír un novo centro, con espazo suficiente tamén para un aparcadoiro.
Desde o PSOE lembran que xa presentaron no pleno municipal unha moción esixindo á Xunta iniciar os trámites necesarios para resolver de forma definitiva as carencias sanitarias do norte do municipio, pero critican que AVV “impediu ata que a léramos”. Denuncian tamén que, dous meses despois dos últimos desprendementos no edificio, o único que fixeron foi colocar cintas de protección e, máis recentemente, valar o perímetro, coincidindo coas festas locais.
“Está ben mellorar a protección do entorno, pero o que hai que facer é un amaño urxente do edificio e sobre todo, mudar a conducta cómplice de AVV co PP para facer un parche en vez de esixir un novo centro de saúde para o norte do concello”, conclúen desde o grupo socialista.