Os socialistas de Oleiros cuestionan a enquisa do alcalde e o seu custo innecesario

Os socialistas de Oleiros expresaron a súa desconfianza cara á enquisa realizada polo alcalde, criticando tanto a súa forma como o seu fondo e o custo da mesma. Segundo os socialistas, trátase dunha enquisa claramente partidista que sería totalmente innecesaria se se implementase, tal e como se solicitou hai meses, un portal de transparencia, que serviría para reflexar a xestión do goberno, o nivel de execución e como espazo para que a veciñanza puidera expresar queixas, suxestións e achegas de maneira diaria.
Desde o seu punto de vista, a enquisa parece máis un intento de autobombo do alcalde que unha ferramenta lexítima para coñecer a opinión dos veciños. Aseguran que a verdadeira razón detrás da enquisa é o medo do goberno local ao traballo realizado pola oposición, que está evidenciando a mala xestión de Alternativa, ademais de poñer en evidencia a desconexión entre o goberno e os veciños.
Pregúntanse quen redactou as preguntas da enquisa, canto custou a súa preparación e que custo terá a análise posterior dos datos. Tamén cuestionan quen asumirá este gasto e, sobre todo, que cambios provocará esta consulta. “¿Van marchar se non gusta a súa xestión?”, pregúntanse, subliñando que o proceso está deseñado para obter respostas favorables, a través da obrigación de identificación mediante un terminal informático ou telefónico, para evitar “sustos”.
Sinalan que se a intención fose lexítima e enfocada á mellora, aseguran que a enquisa debería ter feito antes dos orzamentos, non despois. Consideran que a presentan agora, con urxencia, antes de que a veciñanza note a aplicación da subida das taxas de auga e impostos.
Subliñan tamén a falta de rigor das preguntas da enquisa, como a de “Valoración dos grupos políticos con representación no Concello” ou se están de acordo con reclamar a ampliación do Puente Pasaje. Sosteñen que a enquisa debería centrarse en cuestións como os problemas de mobilidade ou a política urbanística do Concello que beneficia aos promotores inmobiliarios, aos que se lles bonifica o IBI ao 95 % mentres se lles sube un 10 % aos veciños.
Especialmente cuestionan a pregunta sobre a construción do edificio multiusos en Bastiagueiro, considerando que se podería mellor preguntar se a veciñanza está de acordo con destinar tres anos a esa obra en lugar de outras prioridades. Outras preguntas que tamén necesitan matices son as que se refiren á densidade urbanística do municipio e a súa política de urbanizacións, que, segundo os socialistas, está provocando a expulsión dos veciños e aumentando os problemas de servizos e mobilidade.
Finalmente, piden aclaración sobre a promoción de vivendas protexidas por parte do Concello, apuntando que a realidade é que os altos custos de mercado fixeron que máis de 1900 demandantes de vivenda renunciasen a acceder a estas vivendas, en gran parte debido aos impostos.