Os socialistas de Oleiros celebran o investimento de 5 millóns na mellora da rede de abastecemento

Tras máis dun ano advertindo sobre a necesidade de renovar a obsoleta rede de abastecemento de auga, os socialistas de Oleiros celebran que agora Alternativa dos Veciños presente unha modificación orzamentaria para investir 5 millóns de euros na súa mellora, un plan que eles veñen reclamando insistentemente e que lles foi negado ata agora.
O grupo socialista denuncia que durante este tempo, Alternativa dos Veciños negou a existencia dos problemas, a pesar de que os socialistas analizaran os informes de Aquaoleiros e alertasen de que se perde aproximadamente un terzo da auga –o que supón unhas perdas de 400.000 euros anuais– debido ao mal estado das tubaxes, moitas delas con amianto, material canceríxeno. Tamén reclamaron a substitución destas tubaxes e a sectorización da rede para controlar as fugas, pero só agora AVV trae a proposta para levar a cabo ese plan.
“Somos a oposición útil de Oleiros”, destacan, recordando que a súa demanda de investimento forma parte das alegacións presentadas ao orzamento de 2025, que foron desestimadas inicialmente, xunto coa oposición á subida do prezo da auga, que consideran innecesaria se non fose pola elevada perda de auga.
Os socialistas critican que o alcalde e Alternativa dos Veciños impediron a lectura das mocións nas que alertaban destes problemas, evitando que os veciños coñecesen a realidade dunha xestión “pésima” do ciclo da auga. Ademais, lamentan que esta medida chegue tarde e que Oleiros perdese oportunidades para acceder a subvencións importantes a través dos PERTEs de dixitalización do ciclo da auga.
No próximo pleno, segundo os socilaistas, Alternativa dos Veciños levará unha modificación orzamentaria de crédito extraordinario de 5 millóns de euros para a ampliación de capital da sociedade municipal Aquaoleiros, destinada ao plan de reposición de redes e tubaxes, así como á modernización tecnolóxica e sectorización da rede.
Os socialistas subliñan que sempre quixeron colaborar para mellorar a xestión e que as inversións deben basearse nas necesidades reais dos veciños, investindo agora para aforrar no futuro. Así o explicaron ao denunciar que, a pesar de que un técnico alertou reiteradamente da necesidade de investir e sectorizar a rede para controlar as fugas, nunca se lle permitiu actuar.
O estudo técnico-económico de 2021 xa reflectía que o volume de auga non rexistrada ronda o 40 %, evidenciando a magnitude das perdas. A pesar diso, nos orzamentos de 2025 só se prevían 1,37 millóns para a mellora da rede, dos que 1,1 millóns aportaba a Deputación, sen que se lle dera prioridade real ata este último cambio.
Segundo indica o grupo socialista, a falta de investimentos durante anos provocou un estado crítico da rede con constantes roturas e presenza de tubaxes con fibrocemento e amianto, que representan un risco para a saúde pública. A sectorización, tal como pide Augas de Galicia, é a única forma de detectar as fugas, pero ata agora impedíronlle aos técnicos de Aquaoleiros realizar estas obras.