Os socialistas de Arteixo reivindican que se fomente a pluralidade nos plenos

ACoruñaXa
Apuntan ao novo cambio do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) por limitar a participación da oposición
Imaxe da bancada socialista no Pleno de Arteixo
30 Jan 2025

Os socialistas de Arteixo apuntan a que o goberno municipal de Carlos Calvelo volve modificar o Regulamento Orgánico Municipal (ROM) cun novo cambio que limita a participación da oposición nos plenos.

O portavoz socialista, Martín Seco, advirte que esta nova reforma do ROM “ten como obxectivo reducir o dereito de intervención dos grupos da oposición”. Segundo explica, “pleno tras pleno, o alcalde recorre a estratexias para dificultar o debate democrático”. Seco denuncia que, lonxe de fomentar a pluralidade, Carlos Calvelo impón restricións nos turnos de palabra e impide a intervención dos grupos nos rogos e preguntas, algo que cualifica como “un claro retroceso democrático” para Arteixo.

O voceiro socialista tamén lembra as promesas previas de Carlos Calvelo, quen no pasado se comprometera a fomentar o diálogo co resto de grupos políticos. “Agora, con esta reforma, demostra que non é capaz de respectar as regras básicas do debate institucional e prefire impoñer o seu criterio sen escoitar á oposición”, engade.

Para Seco, este novo cambio no ROM confirma o “autoritarismo” do alcalde, a quen acusa de confundir maioría absoluta con absolutismo. “Arteixo merece un goberno que respecte a democracia e favoreza o diálogo”, conclúe.

0.16589593887329