Os socialistas de Arteixo reclaman medidas urxentes ante a emerxencia habitacional no municipio

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo volve levantar a voz para denunciar a pasividade do goberno local diante da falta de respostas por parte do PP ante a emerxencia habitacional no municipio.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, afirma que “este é sen dúbida, un dos maiores problemas que afectan á veciñanza: o acceso a unha vivenda digna, tanto en réxime de compra como de alugueiro”.
Desde hai anos, o PSOE de Arteixo ven presentando iniciativas no pleno para que se tomen medidas que freen a escalada de prezos da vivenda no municipio, que está a ocasionar que moitas familias non poidan atopar un fogar a prezos asumibles. “Actualmente, é practicamente imposible acceder a un alugueiro por menos de 700 euros ao mes, e a compra de vivenda resulta inaccesible para unha gran parte da poboación, especialmente para a xente nova”, denuncia Seco.
Os socialistas sinalan que “mentres tanto, o grupo de goberno do PP nega a existencia deste problema, pechando os ollos á realidade que vive a cidadanía” e que lonxe de aportar solucións, “optan por desviar a atención con discursos ideolóxicos” que culpabilizan ao Goberno de España e minimizan a crise habitacional, ao tempo que tanto a Xunta de Galicia coma o propio Concello de Arteixo “eluden a súa responsabilidade directa en materia de vivenda”.
Para o portavoz socialista o abandono é evidente: multitude de vivendas baleiras permanecen sen ningún tipo de incentivo para a súa mobilización no mercado; non existe unha política municipal de vivenda pública nin promoción de solo para a súa construción; e o Plan Xeral segue paralizado desde hai 14 anos, impedindo o desenvolvemento urbanístico dos núcleos rurais.
Ademais, según Martín Seco “resulta incongruente que agora a Xunta anuncie a construción de vivenda pública na zona da Penouqueira, cando foi a propia administración autonómica, e mesmo o actual alcalde, quen desbotaron esa localización no pasado por razóns de orografía” e afirma que a día de hoxe, “non existe un calendario nin un proxecto definido para esas vivendas, nin se explica como se resolverán os problemas técnicos desa parcela”.
Por todo isto, o Grupo Socialista de Arteixo preguntou no pleno pasado cales son as actuacións que levou a cabo o goberno local dende o 2023 “cando comezamos a traer iniciativas ao pleno do concello”, para tratar de evitar uns prezos da vivenda en alugueiro e compra desorbitados e cales está tomando a día de hoxe.