Os socialistas de Arteixo presentan unha moción para impulsar políticas de igualdade

ACoruñaXa
Entre os puntos claves están a loita pola igualdade no ámbito laboral e o pacto pola corresponsabilidade nos coidados
socialistas-arteixo
28 Feb 2025

O grupo municipal socialista de Arteixo presentou no pleno de febreiro unha moción para promover políticas de igualdade entre mulleres e homes de forma transversal, co fin de garantir un futuro mellor para as nenas e mulleres do municipio.

O portavoz socialista no concello, Martín Seco, destacou que, de cara ao vindeiro 8M, é fundamental lembrar que "a igualdade de xénero non só é un dereito humano fundamental, senón que é un dos piares básicos para conseguir un mundo pacífico, próspero e sostible". Seco sinalou que, a pesar dos avances acadados nas últimas décadas, "a igualdade de xénero aínda está lonxe de alcanzarse para 2030, tal como se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostibles de Nacións Unidas".

Para os socialistas, avanzar na igualdade de xénero é esencial "para crear unha sociedade sa en todos os seus ámbitos", desde a redución da pobreza ata a promoción da saúde, a educación, a protección e o benestar.

"O lema elixido por Nacións Unidas para este ano é 'Para TODAS as mulleres e nenas: Dereitos. Igualdade. Empoderamento', ao que nos unimos", explicou Seco. Na súa moción, solicitan que en Arteixo se implementen medidas que favorezan e melloren a integración laboral das mulleres nas ocupacións STEM, así como a promoción dun pacto pola corresponsabilidade nos coidados. Ademais, propoñen medidas para protexer ás e aos menores nas contornas dixitais fronte á pornografía e á incitación á prostitución, fomentando a coeducación e unha educación afectivo-sexual baseada no respecto, a igualdade e a dignidade das persoas.

Seco lembrou que as mulleres e as nenas constitúen a metade da poboación "e, por tanto, tamén a metade do seu potencial". Aínda que a desigualdade de xénero persiste, estancando o progreso social, o voceiro socialista afirmou que "é vital traballar polo empoderamento das mulleres, especialmente das novas e as nenas do noso país". Denunciou que a fenda de xénero segue a ser un lastre para a democracia e unha inxustiza manifesta para as mulleres.

Un dos puntos clave da moción é a loita pola igualdade no ámbito laboral. A pesar das melloras, Seco destacou que as diferenzas salariais seguen a ser significativas, aínda que se reduciron nun 25 % desde 2018, grazas á subida do salario mínimo interprofesional, que experimentou un aumento do 61 % en seis anos. O portavoz socialista insistiu na necesidade de traballar para pechar a brecha de xénero no mercado laboral, en particular nas ocupacións STEM, a través de políticas de sensibilización e promoción desde a infancia e a mocidade.

A moción tamén destaca a importancia dun pacto pola corresponsabilidade nos coidados, co obxectivo de reducir as horas dedicadas polos homes e mulleres ao traballo doméstico e de coidados. Neste sentido, Seco subliñou que a redución da xornada laboral a 37,5 horas é un paso importante nesta loita.

Finalmente, os socialistas de Arteixo propoñen a adopción de medidas para protexer aos menores nas contornas dixitais, destacando a necesidade dunha educación afectivo-sexual que promova o respecto e a igualdade.

"O noso compromiso coa igualdade entre mulleres e homes é firme e abarca todos os ámbitos da vida pública e privada", concluiu Martín Seco. "Só a través dunha acción política transversal e integral, que teña tamén en conta as diferenzas entre as mulleres, poderemos construír unha sociedade verdadeiramente igualitaria e xusta para todas e todos".

⚙ Configurar cookies
0.036187887191772