Os socialistas de Arteixo piden mellorar a seguridade viaria na Travesía de Oseiro

O Grupo Municipal Socialista no concello de Arteixo manifesta a súa preocupación polos graves problemas de seguridade viaria que afectan á Travesía de Oseiro, especialmente na contorna da parada de autobús situada xunto á Fonte do Abade, unha zona moi transitada por veciños e veciñas, incluíndo nenos e mozos que utilizan o transporte escolar.
O portavoz socialista, Martín Seco, explica que a veciñanza da parroquia de Oseiro leva tempo trasladando ao Grupo Socialista a súa inquietude polos riscos derivados do exceso de velocidade dos vehículos ao longo desta vía. Esta situación agrávase na rotonda situada fronte á Escola Infantil Vagalume, onde xa se denunciou anteriormente a falta de continuidade das beirarrúas e a perigosidade dos cruces.
Os socialistas indican que a pesar da existencia de sinalización luminosa no paso de peóns preto da parada do bus da Fonte do Abade, moitos condutores ignoran as normas de tráfico, poñendo en risco a seguridade dos viandantes. “Esta problemática debería terse abordado coa Xunta de Galicia antes do traspaso da titularidade da vía á administración local, pois agora é o Concello quen terá que asumir o custo das actuacións necesarias para garantir a seguridade da veciñanza”, argumenta Seco.
Desde o Grupo Socialista consideran que “non se pode seguir agardando” e consideran imprescindible que o goberno municipal actúe con responsabilidade e dilixencia para evitar que aconteza un accidente grave. Por iso, piden ao executivo local que adopte as medidas necesarias para reducir de maneira efectiva a velocidade dos vehículos que circulan pola Travesía de Oseiro, especialmente no paso de peóns situado na contorna da Fonte do Abade.
Entre as posibles solucións, os socialistas propoñen a instalación de elementos físicos que obriguen á redución da velocidade, como bandas rugosas ou outros sistemas de calmado de tráfico que garantan a seguridade dos peóns. “Os socialistas seguiremos escoitando á veciñanza e traballando para que Arteixo sexa un concello máis seguro para todos e todas” remata Martín Seco.