Os socialistas de Arteixo esixen aclaracións sobre as condicións laborais do servizo municipal de recollida de lixo
O grupo municipal socialista de Arteixo reclamou este mércores ao goberno local explicacións sobre a situación laboral do persoal do servizo municipal de recollida de Residuos Sólidos Urbanos (RSU). As demandas chegan tras a denuncia dos traballadores, quen aseguran que o Concello incumpre varios puntos do convenio colectivo e alertan de serios riscos laborais.
Os empregados denuncian que non se respecta o descanso semanal estipulado nin a rotación equitativa dos turnos de traballo. Ademais, subliñan que están a utilizar un camión que non cumpre coa normativa de seguridade, agravando a súa situación laboral. O sindicato CIG, que o martes organizou unha protesta fronte á Casa Consistorial, tamén denunciou unha suposta persecución sindical contra os delegados que defenden os dereitos dos traballadores.
Martín Seco, portavoz do PSOE de Arteixo, afirmou: “Non temos información suficiente sobre se as condicións de traballo son as adecuadas ou se hai unha persecución contra os representantes sindicais. De ser certo, sería moi grave que unha institución pública vulnerase os dereitos laborais e sindicais”.
Por este motivo, os socialistas instan ao goberno local a explicar a situación no próximo pleno, detallando cales son as condicións reais do persoal do servizo de recollida de lixo, se se cumpre a normativa e cales son as medidas previstas para corrixir posibles deficiencias.