Os sindicatos anuncian novas mobilizacións na hostalaría da Coruña para reclamar un convenio digno

Tras a multitudinaria concentración diante do Burguer Fest da Coruña, as organizacións sindicais CCOO, CIG e UGT confirmaron que continuarán co calendario de protestas para esixir un convenio digno na hostalaría da provincia.
As próximas accións inclúen recollidas de sinaturas no Obelisco da Coruña os días 4 e 5 de setembro, en Santiago de Compostela o 11 e 12 de setembro, e unha nova concentración na Praza do Toural o día 26, que se completará coa distribución de panfletos informativos á cidadanía.
Segundo os sindicatos, estas mobilizacións responden á contradición existente entre os beneficios crecientes da patronal e as condicións laborais das súas plantillas. Os datos oficiais indican que en xullo a ocupación hoteleira chegou ao 88 %, tres puntos por enriba do ano pasado, e que bares e terrazas rexistraron un negocio histórico durante as festas. A pesar diso, denuncian que os salarios apenas superan o SMI, as xornadas son abusivas e mantense a ameaza de recortar dereitos como o complemento por Incapacidade Temporal.
As centrais sindicais advirten de que a precariedade se está cronificando e afecta directamente á saúde laboral, cun aumento de baixas por lesións musculoesqueléticas, estrés e fatiga crónica. Por iso chaman á cidadanía a sumarse ás mobilizacións baixo o lema “Por un convenio digno na hostalaría”.
“Non é aceptable que un sector que medra en facturación e beneficios sosteña ese éxito a costa da explotación laboral. É xusto que ese crecemento repercuta en melloras reais para as persoas traballadoras”, reivindican CCOO, CIG e UGT.