Os Rosales prepárase para acoller a súa carreira popular dentro do circuíto Coruña Corre

ACoruñaXa
A cita deportiva reunirá a máis de 1.500 participantes neste barrio
rosales-circuito
31 May 2025

O barrio dos Rosales será este domingo, 1 de xuño, o epicentro do deporte coruñés coa celebración da 12ª edición da súa carreira popular, unha das probas máis consolidadas do circuíto municipal Coruña Corre. A cita reunirá a máis de 1.500 participantes e comezará ás 10.00 horas coa saída da categoría absoluta dende a contorna do pavillón polideportivo da avenida Fernando Suárez.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou que o percorrido presentará unha novidade importante respecto á edición anterior: farase en sentido inverso. “Neste caso, o trazado comezará polas rúas interiores do barrio e será despois cando se dirixa cara ao paseo do Portiño, finalizando no alto dese percorrido”, explicou.

A carreira absoluta contará cun circuíto de case seis quilómetros, mentres que as distancias reduciranse progresivamente segundo as categorías inferiores: 2,4 quilómetros para sub-18 e sub-16, 1,6 para sub-14, 800 metros para sub-12 e sub-10 e unha proba simbólica de 100 metros para as e os máis pequenos de ata 7 anos.

As persoas participantes poderán recoller os seus dorsais no propio pavillón dos Rosales o mesmo domingo, dende as 9.00 horas e ata unha hora antes da súa carreira correspondente. Tamén haberá dispoñibles servizos como gardarroupa (de 9.30 a 11.15 horas), duchas (de 10.30 a 13.00 horas) e avituallamento na meta.

A carreira dos Rosales suporá o derradeiro encontro deportivo do circuíto antes do parón estival. Coruña Corre regresará no mes de setembro coa Volta a Oza (14 de setembro), seguida pola carreira do Ventorrillo (26 de outubro) e a de Novo Mesoiro (23 de novembro), completando así o calendario desta edición.

⚙ Configurar cookies
0.11777710914612