Os Reis Magos visitarán Vilasantar o 5 de xaneiro cunha tarde de agasallos, música e churros con chocolate

Vilasantar xa quenta motores para unha das citas máis esperadas do Nadal. O luns 5 de xaneiro de 2026, o municipio celebrará a súa Cabalgata de Reis cun programa pensado para gozar en familia e acompañar a chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar.
Segundo a información difundida polo Concello, as Súas Maxestades serán recibidas ás 17.00 horas na Casa do Concello. Desde alí, a comitiva trasladarase ata o local social de Vilasantar, onde terá lugar o reparto de agasallos para os máis pequenos.
A xornada continuará cun ‘conto concerto’ a cargo de Paco Nogueiras, unha proposta musical e familiar para completar a tarde de Reis. Como broche final, haberá chocolate con churros, que se servirá da man da Asociación Cear O Castro. O Concello anima á veciñanza a participar e vivir unha tarde chea de ilusión.