Os rapaces de Culleredo coñecen dende dentro o funcionamento do Concello

ACoruñaXa
A idea consiste en propiciar que os escolares de Culleredo coñezan o seu concello a través do xogo
Imaxe da actividade celebrada este luns en Culleredo de 'Coñece o teu Concello'
15 Abr 2024

O amplo programa educativo do Concello de Culleredo complementario á actividade docente proseguiu este luns cunha iniciativa para achegar o funcionamento da Administración local aos nenos e nenas. Baixo a denominación de “Coñece ou teu Concello”, a actividade reunirá durante este mes de abril a 160 escolares de 5º de primaria dos CEIP Vila de Rutis, Ría do Burgo, Isaac Díaz Pardo e Sofía Casanova.

A actividade desenvólvese na propia Casa do Concello e cun espírito eminentemente práctico. A idea consiste en propiciar que os nenos coñezan o seu concello a través do xogo.

No salón de plenos móntase a base de operacións da actividade. Divididos en pequenos grupos, os rapaces van percorrendo os distintos departamentos co obxectivo de pescudar determinados datos e procedementos municipais.

Pasan polo rexistro municipal, Urbanismo, Medio Ambiente, Economía ou Alcaldía. Aprenden trámites como a presentación de solicitudes nos rexistros. Logo reúnense e participan nun trivial municipal. Seguindo o gran taboleiro creado para o xogo, van participando en probas de preguntas, mímica ou debuxos tratando de adiviñar cuestións sobre as tarefas e funcións dun Concello.

Este luns, acudiron as nenas e nenos do CEIP Isaac Díaz Pardo, quen ao finalizar a actividade intercambiaron preguntas e curiosidades sobre a actividade municipal coa tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo.

0.16818594932556