Os propietarios do Castrillón avalan o plan que completará o barrio e remiten o expediente ao Concello

ACoruñaXa
A Asemblea da Xunta de Compensación do API Q28 Parque de Oza aproba o PERI e o documento ambiental, que pasarán á Xunta para a avaliación e exposición pública
A CORUÑA vecinos oza
23 Oct 2025

A asemblea da Xunta de Compensación do ámbito API Q28 Parque de Oza deu luz verde esta tarde ao Plan Especial de Reforma Interior (PERI) e á Avaliación Ambiental Estratéxica que permitirán culminar o desenvolvemento urbanístico do Castrillón. No encontro, celebrado no Ágora, participaron arredor de 150 titulares de solo —entre veciños e representantes de Aliseda, Fundación Juana de Vega, Sareb, o propio Concello da Coruña e varias mercantís— que refrendaron os dous documentos tras a explicación do equipo redactor.

Co acordo acadado, a Xunta de Compensación trasladará o expediente ao Concello para iniciar a tramitación. O primeiro paso será remitir o documento ambiental á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, que deberá analizalo, sometelo a exposición pública nos prazos legais e emitir o correspondente visto e prace antes de devolverllo ao Concello.

Os textos aprobados incorporan dous estudos comprometidos coas partes: un análise de soleamento das novas edificacións nas catro estacións do ano e outro de mobilidade e ordenación do tráfico. Para afrontar a complexa orografía en puntos concretos, o plan propón un elemento mecánico tipo funicular ou ascensor inclinado que conectará a rúa Montes con Antonio Ríos —cun desnivel superior aos 16 metros—, así como unha rampa en espiral entre a rúa Montes e o límite do IES de Monelos para garantir a accesibilidade.

O deseño urbanístico aposta por criterios europeos recentes que equilibran a escala urbana coa escala humana, favorecendo a permeabilidade e a conexión entre mazás e evitando as chamadas 'edificacións en pantalla'. O proxecto respecta a edificabilidade fixada polo PXOM de 2013 —136.704,50 m²— e incrementa o solo de uso e dominio público, ao que destina máis do 63% da superficie do ámbito.

Os propietarios confían en poder exercer finalmente os seus dereitos edificatorios tras máis de dúas décadas de espera. Lembran, ademais, que as cesións previstas no plan foron adiantadas de maneira altruísta e xa benefician ao conxunto do barrio: máis de 55.000 m² para o Parque de Oza, 5.000 m² para o Centro Deportivo que acolle a piscina municipal, e solo para abrir ou completar viarios como Antonio Ríos (3.600 m²), a Avda. da Concordia (3.300 m²) e Casanova de Eirís (4.300 m²). Engádense, ademais, 840 m² para a ampliación do IES de Monelos.

⚙ Configurar cookies
0.07190203666687