Os Premios Terra de Hércules distinguen 14 referentes do deporte galego na súa segunda edición

ACoruñaXa
A Fundación ‘Amare Terra’ entregou en Palexco uns galardóns que recoñecen traxectorias vencelladas ao adestramento, á xestión, á inclusión e á investigación, con tres homenaxes a título póstumo
A CORUÑA premios amare terra hércules
28 Jan 2026

A entrega dos II Premios Terra de Hércules, impulsados pola Fundación ‘Amare Terra’, celebrouse este martes na Coruña como un acto de recoñecemento a traxectorias que teñen contribuído a fortalecer o deporte galego e a divulgar os valores do movemento olímpico e paralímpico. A segunda edición reuniu perfís moi diversos, desde a alta competición ata o traballo constante desde a base, a formación e a investigación.

Entre as distincións desta convocatoria figuran nomes moi coñecidos, como o piragüista David Cal, xunto a referentes que destacan polo seu labor menos visible pero determinante para o funcionamento do tecido deportivo, caso da xuíza de atletismo María Dolores Rojas, o preparador Alfonso Ortega, a pioneira da ximnasia rítmica Aurora Martínez, o divulgador e impulsor deportivo Carlos Bremón, ou o ámbito académico e investigador representado por Rafa Martín Acero. O listado complétase con recoñecementos a figuras vencelladas á promoción e dirección deportiva como Jesús Hermida, José María Covelo, Augusto César Lendoiro e Ramos Misioné, ademais da entidade Amfiv, pola súa traxectoria de inclusión a través do deporte adaptado.

A gala reservou tamén un espazo para a memoria, con galardóns a título póstumo para José Mañana e o Colexio Karbo, José María Valeiro e Pablo Hinójar, subliñando a pegada que deixaron no deporte de base e no desenvolvemento de proxectos que abriron camiño en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.046504974365234