Os Premios Isabel Zendal recoñecen o pensamento crítico en Educación Secundaria e Bacharelato na súa VI edición

ACoruñaXa
Cinco centros da Coruña e un de Pontevedra recibiron esta mañá os galardóns nun acto celebrado no Paraninfo da UDC
Imaxe da entrega de premios da 'VI Edición dos Premios Isabel Zendal'
17 Xuño 2024

O Paraninfo da UDC acolleu este luns a entrega dos galardóns da 'VI Edición dos Premios Isabel Zendal', o concurso que ten como obxectivo fomentar a práctica do escepticismo, entendido como o pensamento crítico e racional, unha ferramenta indispensable para a comprensión do mundo e a toma de decisións na vida diaria, especialmente entre a xuventude.

Os premios, organizados pola UDC en colaboración Círculo Escéptico, e coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades; estableceron dúas categorías: A, dirixida ao alumnado de 1º a 3º da ESO e FP, e a B para o alumnado de 4º de ESO a 2º de bacharelato e dos ciclos formativos de grao medio.

No primeiro apartado (A) os galardóns recaeron en Sofía Ramos Ponte, do IES Eusebio da Guarda (3º premio); Sofía Carou Barreiro, do IES Plurilingüe Rafael Dieste da Coruña (2º premio); mentres que a gañadora desta categoría foi Verónica Castillo Aguilar, do IES Plurilingüe Rafael Dieste da Coruña.

No segundo apartado, o primeiro premio foi para Valeria Ortiz Arias, do IES Plurilingüe Rafael Dieste da Coruña; mentres que o segundo e terceiro recaeron en Iván Gándara Buján, do CI Eirís da Coruña; e en Lúa Martínez Rodríguez, do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas (Pontevedra), respectivamente.

Para cada unha das categorías establecéronse 3 premios de 300, 200 e 100€, unha colección de libros do catálogo do Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña e un diploma acreditativo. Ademais, os traballos premiados serán incluídos nunha publicación da UDC.

No acto de entrega, o reitor da UDC Ricardo Cao, salientou a importancia da divulgación científica como ferramenta para “combater a desinformación e fomentar un pensamento crítico, de xeito que permita tomar decisións informadas”.

 

0.15665507316589