Os Patexeiros convocan unha ecoregata para limpar o mar de Sada

A Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros organiza o sábado 6 de setembro unha nova edición da súa Ecoregata Recollida de Lixo, unha cita que busca limpar o mar de Sada —porto, escollera e praias— coa axuda das embarcacións tradicionais e da cidadanía voluntaria.
A actividade desenvolverase entre as 10.00 e as 14.00 horas, partindo do porto (zona da rampa). Durante catro horas, os equipos participantes poderán recoller residuos tanto no mar coma en terra: pedras, peirao ou area. Tamén está permitido mergullarse para retirar lixo baixo a auga. Cada obxecto deberá ir acompañado dunha foto de contexto, que servirá para elaborar unha colección que amose o impacto da actividade humana no medio mariño da ría de Sada.
O concurso está aberto a persoas maiores de 16 anos que saiban nadar e que se inscriban previamente no correo da asociación. As prazas son limitadas e os inscritos integraranse en equipos a bordo das embarcacións tradicionais da entidade.
Haberá catro categorías de premios: ao equipo que máis obxectos recolla, ao obxecto máis peculiar, ao residuo máis contaminante e á mellor fotografía. Un xurado designado pola organización decidirá os gañadores.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Sada e pretende concienciar sobre a necesidade de coidar o litoral, ao tempo que pon en valor o patrimonio mariñeiro a través do uso das embarcacións tradicionais.