Os novos vehículos móbiles do DNI achegarán a tramitación a 18 concellos da área da Coruña

A veciñanza de 18 concellos da área da Coruña poderá renovar o seu DNI ou pasaporte sen necesidade de desprazarse á comisaría máis próxima grazas aos novos Vehículos Integrais de Documentación (VIDOC) da Policía Nacional. A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presentou en Betanzos o primeiro destes vehículos que comezará a operar nas vindeiras semanas, e que forma parte dun plan estatal para achegar a administración ao rural.
Abegondo, Arteixo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cambre, Carral, Culleredo, Curtis, A Laracha, Malpica, Miño, Muxía, Oleiros, Ordes, Ponteceso, Sada e Vimianzo serán os concellos beneficiados nesta primeira fase, ademais do centro penitenciario de Teixeiro, en Curtis.
“Estas novas unidades marcan un antes e un despois na atención aos pequenos concellos, facilitando que a veciñanza poida facer xestións fundamentais sen perder tempo nin recursos en desprazamentos innecesarios”, explicou Rivas durante o acto, acompañada pola alcaldesa de Betanzos, María Barral, e o comisario provincial, Carlos Gómez.
A novidade máis destacada é que, ademais do DNI, tamén se poderá tramitar o pasaporte e renovar os certificados electrónicos directamente no vehículo, que conta cun Punto de Actualización de Documentación (PAD). “Os documentos estarán listos en apenas dez minutos, fronte aos tres días que precisaban as antigas unidades”, engadiu Rivas.
A provincia da Coruña conta xa con tres dos seis VIDOC asignados a Galicia, que darán servizo de maneira itinerante, ampliando a cobertura da Policía Nacional en zonas sen comisaría.
Ademais, este novo servizo compleméntase coa implantación do DNI dixital, que permitirá levar o documento de identidade no móbil cunha aplicación específica —MiDNI— cunha validez xurídica equivalente ao formato físico. “España sitúase así á vangarda europea na transformación dixital da documentación persoal”, destacou a subdelegada.
As novas unidades forman parte do Plan de Identidade Dixital da Dirección Xeral da Policía Nacional e están financiadas a través dos fondos do Plan de Recuperación. A cidadanía poderá solicitar cita previa no seu concello para acceder ao servizo cando o vehículo visite a súa localidade.