Os nacionalistas de Miño trasladarán ao Pleno as demandas da ANPA do CPI Castro Baxoi

ACoruñaXa
O BNG trasladará tamén ao Pleno a demanda de que a Xunta dote ao Centro de Saúde de Miño dun Servizo de Pediatría a xornada completa
O o voceiro do BNG de Miño Alberte G. Nicolás
O o voceiro do BNG de Miño Alberte G. Nicolás
17 abr 2024

O BNG de Miño traslada ao Pleno as demandas das nais e pais que conforman o ANPA do CPI Castro Baxoi. “Demandamos que a Xunta de Galiza tome as medidas necesarias para garantir unha correcta calidade educativa na aula de 4º de Educación Infantil, co profesorado de apoio suficiente e, de ser necesario, cumprir a normativa galega en cuestión de ratios máximas e realizar un desdobre neste curso”, explicou o voceiro do BNG, Alberte G. Nicolás.

“O pasado ano a Consellaría de Educación eliminou a segunda aula de 4º de Educación Infantil a pesar das mobilizacións da comunidade educativa e das demandas por unanimidade do Pleno do concello. Precisamente, os pais e nais afectados non só demandaban que o desdobre da aula se mantivese xa que era de esperar que a matrícula puidese aumentar ao longo do curso e xa había crianzas con necesidades especiais que non estaban suficientemente atendidas coa redución de persoal de apoio”, engadiu o portavoz nacionalista.

O partido sinala que o pasado marzo a ratio de 25 alumnas na única aula de 4º de Educación Infantil chegou ao seu límite e que, deses alumnos, 3 teñen necesidades especiais (aínda que só unha delas está informada). Esta circunstancia daría pé a un desdobre xa obrigatorio pola propia normativa da Xunta de Galiza, sen necesidade dunha nova matrícula. Desde esa data, a Consellaría de Educación non fixo ningún tipo de declaración nin tomou ningunha medida, prexudicando gravemente a calidade educativa do alumnado e contradicindo a súa propia normativa”, engadiu Alberte G. Nicolás.

Desde o BNG reclaman que a consellería de educación aumente dos recursos materiais e humanos no CPI Castro Baxoi e non só para o que resta do presente curso 2023-2024, senón tamén para o vindeiro curso, para evitar ter que recorrer aos "barracóns" ao suprimir aulas complementarias como a de música.

“Pedimos á Xunta que antes do remate do curso elabore un plan para dar cabida ao alumnado do CPI Castro Baxoi atendendo ás aulas dispoñíbeis, ao alumnado medio dos últimos anos e a baixada progresiva de ratio máxima aprobada pola Xunta de Galiza en xaneiro de 2024”, concluíu.

Pediatra en exclusiva para Miño e medidas de inclusión social

Ademais, o BNG trasladará tamén ao Pleno a demanda de que a Xunta dote ao Centro de Saúde de Miño dun Servizo de Pediatría a xornada completa, sen prexuízo na atención ás veciñas do concello de Paderne, co que actualmente comparte pediatra.

O grupo nacionalista pediu tamén que o goberno local elabore un protocolo para a atención e a non discriminación das persoas con discapacidade ou que pertenzan a colectivos vulnerábeis. "As medidas que propoñemos van na liña de facer de Miño un concello accesíbel para todas e todos sen importar as súas capacidades. Por iso solicitamos a instalación de pictogramas para persoas con TEA, a eliminación de barreiras arquitectónicas, adaptar os edificios municipais as persoas xordas e cegas ou a instalación de xogos nos parques infantís para crianzas con mobilidade ou capacidades reducidas", concluíu o voceiro do BNG.