Os museos da Coruña celebran o Día Internacional dos Museos con entrada de balde

ACoruñaXa
Nunha xornada pensada para achegar a cultura á cidadanía desde unha perspectiva participativa e inclusiva
museo-corunha
24 May 2025

O Concello da Coruña conmemora este sábado, 24 de maio, o Día Internacional dos Museos cunha xornada especial de portas abertas nos seus espazos culturais. Todos os museos e salas expositivas municipais serán de acceso gratuíto ao longo do día, agás o Aquarium Finisterrae, que manterá o seu sistema habitual de reserva previa.

Esta celebración busca reforzar o compromiso do Goberno local co acceso universal á cultura e coa promoción do rico patrimonio museístico coruñés. Así, veciñas e veciños poderán redescubrir lugares emblemáticos como o Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, o Castro de Elviña, as Casas Museo, o Quiosco Alfonso, a Casa da Cultura Salvador de Madariaga, a Domus ou a Casa das Ciencias.

Aínda que as prazas para actividades con inscrición previa están xa esgotadas, todos os museos permanecerán abertos ao público sen custo, nunha xornada pensada para achegar a cultura á cidadanía desde unha perspectiva participativa e inclusiva.

O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, destacou que “esta xornada representa unha oportunidade para achegarse aos museos como espazos vivos, próximos e ao servizo da cidadanía. Queremos que a cultura sexa accesible e sentida como parte do día a día, non só como lugar de memoria, senón como motor de pensamento e identidade colectiva”.

Desde o Concello anímase á veciñanza a participar activamente nesta cita cultural e a gozar das propostas que os museos coruñeses ofrecen para fomentar a creatividade, a reflexión e o coñecemento.

⚙ Configurar cookies
0.1012008190155