Os Morochos únense ao cartel do Recorda Fest 2024
O Recorda Fest suma unha nova confirmación ao seu cartel, Morochos estarán no Peirao de Batería da cidade da Coruña en setembro deste ano para unha segunda edición que xa confirmou a sete artistas. Deste xeito, os dous irmáns súmanse a un cartel que xa forman Sidonie, Sidecars, Amaral, Fran Perea, Álvaro de Luna e Marlon.
Os artistas descríbense como “dos gemelos fabricantes de buen rollo, fruto de la fusión del flamenco y el pop como ingredientes principales, un ‘puñao’ de alegría y una dosis de vida furgonetera”. É un dos grupos con máis seguidores en redes sociais do panorama actual, enchendo as salas do sur de España, e en setembro na Coruña elevarán a outro nivel o ambiente co seu estilo, que mestura flamenco ou reggae.
Na metade dunha viaxe en furgoneta polo norte de Brasil, víronse na obriga de voltar a Madrid pola COVID-19. Durante o confinamento surxe este proxecto artístico, que evolucionou de xeito notable ata este novo disco que presentan en 2024: ‘De dónde vengo’.
O público doRecorda Fest poderá desfrutar de temas como ‘Gente de verdad’, ‘Ahuevoneao’, ‘Estaré contigo’, ‘Un lugar’, ‘Si quieres más hay más’, ‘Te recuerdo de más’ ou ‘Quiero’ no Peirao de Batería coruñés.
Cabe destacar que xa se esgotou a terceira liña de abonos, e a medida que se coñezan novos grupos, os prezos iranse incrementando. As cantidades iniciais partían nos 35 euros máis gastos de xestión, situándose como un dos eventos musicais máis accesibles a nivel nacional. Agora mesmo pódense comprar abonos desde 55 euros máis gastos, de xestión.
“A enerxía que transmiten estes irmáns encaixa ás mil marabillas coa filosofía do noso festival: boa vibra e para toda a familia. Quixemos dar un paso máis na liña de confirmacións e sorprender ao noso púbico, que seguro que acolle de bo grao este novo nome que hoxe desvelamos”, confirma Víctor Santana, director do Recorda Fest.