Os Maracos, primeira comparsa homenaxeada no Andar do Antroido da Coruña

ACoruñaXa
O Andar do Antroido é unha iniciativa para crear un "paseo da fama" e recoñecer figuras e agrupacións
maracos-corunha
28 Feb 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu o acto de homenaxe á comparsa Os Maracos no Andar do Antroido, que incorpora unha nova lousa co nome da agrupación. No evento, celebrado no marco das festividades do Entroido coruñés, a rexedora estivo acompañada polo presidente da comparsa, Romualdo Irijoa.

“Desde o Concello somos conscientes do traballo que hai detrás de cada comparsa e do importante que foron, son e serán para manter vivo este espírito antroidesco coruñés que tanto nos caracteriza”, sinalou Inés Rey durante o acto.

O Andar do Antroido é unha iniciativa impulsada polo Goberno municipal en colaboración coas comparsas para crear un "paseo da fama" do Entroido coruñés, no que se recoñecen figuras e agrupacións que contribúen á súa tradición. Este ano, por primeira vez, o recoñecemento recae nunha comparsa, co obxectivo de poñer en valor o labor colectivo destas formacións.

Por decisión conxunta das comparsas da cidade, Os Maracos convertéronse na primeira agrupación en recibir esta distinción, ao ser a entidade máis antiga en activo, fundada en 1983. “Este Andar do Antroido naceu da man das comparsas, que traballan todo o ano para encher de risas e diversión a cidade durante unhas semanas. Por iso, este ano quixemos darlle unha volta máis a esta iniciativa que puxemos en marcha no 2022”, destacou Rey.

A alcaldesa e Romualdo Irijoa descubriron a lousa de pedra que, desde este 2025, acompañará ás xa existentes en honra de Fernando Amaro ‘Cantero’ e do propio Irijoa.

As celebracións do Entroido coruñés continuarán este venres coa tradicional ofrenda floral a Nito e a entronización do Deus Momo, actos nos que tamén participará a rexedora.

⚙ Configurar cookies
0.73989987373352