Os Mallos acollen un novo encontro veciñal para redefinir o modelo de autobús urbano na Coruña

O Centro Cívico dos Mallos foi o escenario do segundo dos once encontros de barrio organizados polo Goberno municipal no marco do proceso participativo para deseñar o novo modelo de autobús urbano da Coruña. A alcaldesa, Inés Rey, foi a encargada de abrir a sesión, agradecendo a implicación das persoas asistentes.
“Este distrito está chamado a ser un dos máis decisivos en termos de mobilidade, pois a posta en marcha da Estación Intermodal mudará os fluxos de movemento do barrio tal e como os coñecemos agora”, sinalou Rey, que acudiu acompañada polos concelleiros José Manuel Lage, Noemí Díaz e Montserrat Paz.
O encontro reuniu a máis de medio cento de participantes, que asistiron á presentación técnica do estudo de transporte urbano e tomaron parte nunha dinámica participativa centrada en propostas sobre frecuencias, conexións intermodais, accesibilidade ou cobertura territorial.
O distrito 4, cunha poboación próxima aos 37.132 habitantes, conta con 13 liñas de autobús (4, 5, 6, 6A, 11, 12, 12A, 14, 20, 22, 24, UDC e BUH) e un total de 32 paradas. Durante a sesión, evidenciouse o interese cidadán: máis do 60 % das persoas asistentes pertencían ao propio distrito. O 46 % participou a título individual, mentres que un 26 % representaba entidades e o 18 %, iniciativas empresariais.
Os resultados da enquisa realizada durante o encontro revelaron que os prezos foron o aspecto mellor valorado do servizo, cunha media de 7,5 sobre 10. Pola contra, a frecuencia dos buses (3,2) e a intermodalidade (3,6) foron os puntos máis criticados. Así, as melloras máis demandadas foron o incremento das frecuencias e a redución dos tempos de espera (28%), seguidas da interconexión con outros modos de transporte (18 %) e a adaptación das liñas ás novas necesidades dos barrios (18 %). Accesibilidade e prezos foron os aspectos considerados menos prioritarios para mellorar.
O proceso continuará nos vindeiros días con novos encontros noutros barrios da cidade, co obxectivo de construír un sistema de transporte urbano máis eficiente, adaptado e participativo.