Os maiores toman o mando no primeiro pleno de Betanzos dedicado á terceira idade

O Concello de Betanzos organizará o primeiro pleno de maiores o próximo 27 de febreiro dentro do programa 'Betanzos Acompáñate'. Nesta sesión participarán 17 persoas, homes e mulleres, procedentes dos cinco grupos de memoria do Concello, dos talleres de Cruz Vermella, das actividades de +60 de Afundación e da asociación de xubilados e pensionistas.
Cada grupo asociativo contará cunha representación propia no pleno, estruturado en catro grupos que funcionarán de maneira similar a partidos políticos. Durante a sesión, os participantes poderán presentar mocións, rogos e preguntas, fomentando así a súa implicación na vida municipal.
Os 17 concelleiros e concelleiras serán recibidos pola alcaldesa, María Barral, quen lles dará a benvida e entregará o bastón de mando á persoa que exerza como alcalde ou alcaldesa durante a sesión. Esta iniciativa busca recoñecer a voz das persoas maiores e reforzar a súa participación na comunidade.