Os maiores de Ordes celebran a súa festa o 6 de setembro

O Concello de Ordes organiza a tradicional xuntanza de maiores, que terá lugar o sábado 6 de setembro. O programa comezará coa misa solemne ás 13:00 horas no anexo cuberto xunto ao CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
A partir das 14:30 horas, no pavillón Castelao II, celebrarase un xantar popular que reúne cada ano arredor de mil persoas procedentes das 13 parroquias do municipio.
O prazo de inscrición estará aberto do 18 ao 29 de agosto na Casa do Concello. Poderán anotarse persoas empadroadas con 60 anos ou máis, pensionistas de calquera idade empadroados, así como maiores de 60 anos ou pensionistas nacidos en Ordes que o acrediten, e os seus cónxuxes. A inscrición require presentar o DNI e aboar 5 euros por persoa.
O menú, moi tradicional, incluirá empanada de entrante, polbo á feira, xarrete asado con patacas e guarnicións, ademais de sobremesas variadas e unha selección de viños, augas, refrescos e licores de calidade.