Os libros con pequenas eivas terán o seu escaparate en Galgo Azul cunha feira para darlles unha segunda vida

ACoruñaXa
A libraría coruñesa celebrará este sábado, 11 de abril, a primeira Feira de Libros Tarados da cidade, cunha proposta que reunirá oito editoriais, arredor dun cento de títulos e prezos desde 5 euros
A CORUÑA feira libros tarados
7 Apr 2026

Galgo Azul converterase esta fin de semana nun punto de encontro para lectoras e lectores que buscan títulos fóra do circuíto habitual. A primeira Feira de Libros Tarados da cidade porá á venda exemplares descatalogados, restos de stock e libros con pequenas imperfeccións estéticas que, malia esas marcas, conservan intacto o seu contido literario e pedagóxico.

A iniciativa quere reivindicar unha ollada distinta sobre o consumo cultural e abrir unha nova oportunidade para volumes que adoitan quedar apartados por dobras, sinais na cuberta ou leves erros de impresión. A cita celebrarase no espazo da avenida da Gramela, 16, no barrio da Agra do Orzán, con entrada libre.

Na feira participarán Coco Books, Cumio, Ekaré, Juventud, Libre Albedrío, Thule, Triqueta e Zorro Rojo. Entre todas porán a disposición do público arredor dun cento de títulos de libro ilustrado, novela gráfica, conto e narrativa, con exemplares a partir de 5 euros e, nalgúns casos, con rebaixas de ata o 40 por cento sobre o prezo orixinal.

A organización tamén prevé un sistema de adhesivos de cores para indicar o prezo de cada exemplar e facilitar o percorrido entre mesas e andeis. A feira desenvolverase en sesión de mañá e tarde, entre as 10.00 e as 14.00 horas e desde as 17.00 horas, nunha xornada que busca combinar venda, reutilización e promoción da lectura.

0.11955189704895