Os 'III Premios do deporte' poñen en valor aos deportistas de Miño
O Concello de Miño organizará este venres, 29 de novembro, a terceira edición dos Premios do Deporte, un evento que recoñece o esforzo e os logros dos deportistas e entidades deportivas do municipio durante a tempada 2023-2024. A gala terá lugar ás 20:00 horas no Local Social da Rúa.
Nesta ocasión, renderase homenaxe ás traxectorias e éxitos destacados en diversas disciplinas deportivas, recoñecendo non só a deportistas e equipos, senón tamén a clubs, adestradores e eventos deportivos que contribuíron ao desenvolvemento do deporte local.
Entre as categorías que se premiarán están: mellor equipo masculino e feminino, mellor deportista masculino e feminino, deportista promesa, mellor adestrador, mellor club, mellor evento deportivo, deportividade e valores deportivos, mencións especiais e traxectoria deportiva.
O Concello destaca que estes premios reflicten o compromiso de Miño co deporte como ferramenta clave para inculcar valores como o traballo en equipo, a constancia e o respecto. Esta edición busca poñer en valor a paixón e o talento dos veciños e veciñas de Miño, reafirmando o papel fundamental do deporte no desenvolvemento social.