Os festivais xunto á Ría do Burgo ameazan espazos protexidos: ADEGA denuncia ruído, residuos e falta de control en Culleredo e A Coruña

ADEGA vén de denunciar que a celebración de festivais de música nas proximidades da Ría do Burgo e das Illas do Porriño pon en risco ecosistemas protexidos e altera a vida da veciñanza. A asociación sinala que, tras analizar as autorizacións municipais relacionadas con eventos como o Wake Up Festival (4 e 5 de xullo, Parque de Bens) e o Burgo Fest (27 e 28 de setembro, explanada do Burgo), existen deficiencias administrativas importantes: non se exixen medidas claras de mitigación acústica, tampouco se solicitaron informes previos da Consellería de Medio Ambiente pese á proximidade a ZEPA e ENIL, e en varios permisos apúntase á suspensión eventual dos obxectivos de calidade acústica sen garantías suficientes.
ADEGA alerta de que esta combinación de carencias facilita niveis sonoros que alteran o descanso nocturno da poboación próxima, poden derivar en insomnio, fatiga, perdas de concentración e aumento do estrés —con efectos tamén sobre a saúde cardiovascular— e, ao mesmo tempo, producen molestia e desorientación noutros animais. No plano ambiental, a organización apunta que aves protexidas como o ánade real, a garza real, a garceta común ou o zarapito trinador poden verse desprazadas das súas zonas de reposo e sufrir alteracións fisiolóxicas por estrés; ademais, lontras, morcegos e réptiles resultan sensibles ás vibracións e aos ruidos intensos, con risco de afectar os seus ciclos reprodutivos e de alimentación. ADEGA engade que os festivais tamén xeran grandes cantidades de residuos —plásticos, vidro, cartóns— que en ocasións remataron acumulados na ría do Burgo, agravando a degradación dos bancos marisqueiros e a calidade dos ecosistemas locais, e critica a ausencia de medidas eficaces para reducir ou xestionar ese lixo (sistemas de devolución de vasos, ecopuntos ou dispositivos de limpeza posevento).
Ante esta situación, a asociación reclama que non se autoricen eventos con elevado impacto sonoro sen unha avaliación ambiental e social rigorosa, que a Consellería de Medio Ambiente emita informes previos sobre os posibles efectos en espazos protexidos e nas especies veciñas, que se esixan plans reais de mitigación acústica e de xestión de residuos aos promotores, que se garanta transparencia nos trámites e información á veciñanza e que se apliquen sancións económicas cando se incumpran as normas ambientais. ADEGA pide así compatibilizar a actividade cultural coa conservación dos ecosistemas e o dereito ao descanso da cidadanía.