Os datos de criminalidade sitúan a Coruña tres puntos por debaixo da media nacional

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a sesión da Xunta Local de Seguridade, unha reunión na que participaron tamén a subdelegada do Goberno, María Rivas, a concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montse Paz, e responsables de distintos corpos de seguridade, como o comisario principal do 091, Carlos Gómez, e o inspector xefe da Comisaría Provincial, Ricardo Castelo, entre outros.
Durante o encontro, afondouse nos procesos de coordinación entre a Policía Local e a Policía Nacional, que deron resultados positivos en varias operacións conxuntas. No 2024, celebráronse un total de 49 reunións entre ambos os corpos para coordinar actuacións. Tamén se presentou a actualización do Plan Local de Seguridade.
Tanto o Concello como a Subdelegación do Goberno coincidieron na importancia de actuar de forma coordinada, aproveitando todos os recursos humanos dispoñibles para ofrecer un mellor servizo á cidadanía. En canto á criminalidade, a cidade atópase tres puntos por debaixo da media nacional, o que se destacou como un bo indicador da efectividade das políticas de seguridade.
Ademais, desde o Concello resaltáronse distintos programas implementados nos últimos meses, como os dispositivos de control do ocio nocturno e a aplicación da Policía Local, que permite unha comunicación directa entre os comercios e a policía. Esta aplicación, que xa se probou en Alcalde Marchesi e na rúa Barcelona, estenderase agora á zona da Gaiteira.