Os convites para o concerto solidario Chorus poderán recollerse desde este xoves 8 ás 11.00 horas

ACoruñaXa
O Coliseum acollerá o domingo 11 un 'Concerto pola Paz' con máis de 630 participantes e unha recollida de material escolar para unha escola en Senegal
A CORUÑA dia da paz
7 Jan 2026

O Concello da Coruña porá á disposición do público, a partir deste xoves 8 ás 11.00 horas, os convites gratuítos para asistir ao concerto educativo e solidario Chorus, que se celebrará o domingo 11 de xaneiro desde as 19.00 horas no Coliseum. A iniciativa, concibida como un 'Concerto pola Paz', reunirá máis de 630 músicos, cantantes, alumnado e profesorado de distintos centros e agrupacións.

Segundo explicou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, trátase dun proxecto 'único na cidade' polo volume de participantes e pola coordinación entre diferentes entidades culturais e educativas, cun obxectivo solidario. Os convites poderanse obter a través da plataforma Ataquilla e tamén no despacho de billetes da praza de Ourense, cun máximo de dous por persoa.

O concerto contará coa implicación de centos de estudantes e docentes de música e coa presenza de formacións e coros vinculados á Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), como a Orquestra Joven e os coros Xove e Infantil, ademais do Coro MiniGaos, o Coro Gaos Novo e o Coro Gaos. A cita servirá, ademais, como primeira colaboración pública de gran formato das dúas formacións orquestrais da OSG neste inicio de ano.

Ao apartado coral e orquestral sumaranse tamén varios intérpretes convidados, entre eles Rosa Cedrón, Carolina Rubirosa, Gandy, Carlos Tojeiro, Eva B e Tinho, que participarán para recoñecer o esforzo do alumnado implicado nesta proposta musical.

A vertente solidaria completarase cunha recollida de material escolar nas portas de acceso ao Coliseum, destinada á 'Escola Coruña' de Senegal. Solicítanse, entre outros elementos, lapis, gomas de borrar, afialapis, libretas, lapis de cores, regras, escuadras e cartabóns. A campaña está coordinada por Ecodesarrollo Gaia.

En canto ao repertorio, a organización avanzou que incluirá música de filmes de Disney como Hércules, 101 Dálmatas, Toy Story, O Rei León e Frozen, ademais de temas de The Greatest Showman e versións de cancións de artistas internacionais como Michael Jackson, Lionel Richie e Coldplay.

O proxecto Chorus conta tamén co apoio de entidades e empresas coruñesas como Marineda City, Gadisa, Bonilla e Cabreiroá, que colaboran na produción e na atención ás persoas participantes, especialmente ao alumnado e aos artistas invitados.

0.097291946411133