Os concellos de Ferrolterra reclaman un tren moderno que vertebre o norte galego

LugoXa | TerraChaXa | ACoruñaXa
A declaración institucional promovida pola Mancomunidade de Ferrolterra pide modernizar a liña entre Ferrol e A Coruña e mellorar a conexión con Lugo
FERROL tren
Imaxe de Noelia Uceira
11 Nov 2025

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol propuxo a modernización do tren para Ferrolterra, Eume e Ortegal. O documento insta ao Goberno do Estado a restituír as frecuencias ferroviarias entre Ferrol e A Coruña, incluíndo as conexións directas con Madrid, e a iniciar neste 2025 un estudo informativo para modernizar toda a infraestrutura entre Ferrol, Betanzos Infesta e A Coruña. A iniciativa busca transformar esta liña nun eixo ferroviario competitivo, eficiente e sostible, que vertebre o norte galego e favoreza o desenvolvemento económico das comarcas implicadas.

As melloras afectarían de maneira directa aos concellos polos que discorre o trazado principal, como Ferrol, Narón, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Betanzos, Abegondo, Cambre, Culleredo e A Coruña. A proposta tamén reclama a creación dun servizo de proximidade entre Ferrol e A Coruña e a construción dunha estación intermodal en Ferrol que integre tren, autobús e outros medios de transporte.

A maiores, o plan tería incidencia noutros municipios vinculados ao corredor ferroviario e á rede económica do norte galego. É o caso de As Pontes de García Rodríguez, que podería aproveitar a modernización do tren para reforzar o transporte de mercadorías. Outros, como Oza-Cesuras, Curtis, Guitiriz, Begonte e Lugo, que se beneficiarían da mellora da conexión cara o sur e da súa inclusión no Corredor Atlántico de Alta Velocidade. Estes concellos, aínda que non forman parte da Mancomunidade de Ferrolterra, comparten o interese por unha infraestrutura moderna que lles permita mellorar a mobilidade, atraer investimento e conectar mellor co resto de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.09818696975708