Os comités de Losán reclaman á SEPI un plan industrial ‘real e vinculante’ para garantir emprego e produción

ACoruñaXa
A representación social advirte de que a incerteza afecta a preto de 800 persoas e lembra o peso das plantas de Curtis e Vilasantar, con máis de 200 traballadores, polo que convocan mobilizacións o 5 e o 12 de febreiro
CURTIS losan manifa
5 Feb 2026

Os comités das distintas fábricas do Grupo Losán solicitaron formalmente á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) que esixa á dirección da compañía un plan de viabilidade industrial ‘urxente, real e vinculante’ que asegure carga de traballo, futuro produtivo e o mantemento dos postos.

A representación das persoas traballadoras alerta de que a situación actual xerou ‘unha profunda incerteza’ entre o persoal e nas súas familias. Segundo os comités, o impacto esténdese a preto de 800 empregados do grupo, mentres que nas instalacións de Curtis e Vilasantar traballan máis de 200 persoas.

Os órganos sindicais sinalan que a crise non se explica só por causas externas e apuntan tamén a “erros de xestión, falta de planificación industrial e ausencia dunha estratexia a medio e longo prazo” que, ao seu xuízo, foi debilitando progresivamente a estrutura produtiva. “Detrás de cada posto de traballo hai unha familia que agora mesmo vive con angustia e inseguridade”, sosteñen, advertindo dun problema con consecuencias sociais, psicolóxicas e económicas.

No seu escrito, piden que calquera participación ou apoio público quede ligado á actividade e ao emprego, que exista supervisión da xestión e que se cree un sistema de seguimento no que participe a representación do persoal.

O persoal de Industrias Losán mantén, ademais, un calendario de protestas. Este xoves 5 de febreiro concentrarase diante da Delegación do Goberno na Coruña e o xoves 12 de febreiro trasladará as súas demandas ao complexo administrativo da Xunta en Santiago de Compostela.

⚙ Configurar cookies
0.084175825119019