Os comerciantes de Sada piden melloras nas campañas veraniegas e na limpeza urbana

ACoruñaXa
A asociación ACESADA reclama máis planificación, colaboración e recursos para favorecer o comercio local
feira-modernista-sada
8 Sep 2025

A asociación de comerciantes ACESADA fixo chegar ao Concello de Sada un informe detallado cos resultados dunha enquisa realizada entre os seus socios tras a campaña estival. Segundo os datos recollidos, o 75% dos comerciantes percibiu un incremento de visitantes durante o verán e un 62,5% recoñece que as vendas superaron as do mesmo período do ano anterior, cifras que poñen de manifesto a importancia do turismo e do tránsito de xente para o tecido comercial da localidade.

A pesar destes resultados positivos, ACESADA destaca que as feiras locais, como a Mariñeira, a Modernista ou Sada Comercio, non tiveron o impacto económico esperado sobre os establecementos, polo que considera necesario repensar a súa organización para que repercuta de forma máis efectiva no comercio de proximidade. Ademais, os comerciantes inciden na necesidade de mellorar a limpeza das rúas, o arranxo de baldosas e a instalación de novas papeleiras, así como de planificar con antelación as campañas promocionais, permitindo a participación activa dos propios comerciantes para aportar ideas e solucións.

Entre as propostas concretas, ACESADA suxire aproveitar espazos publicitarios existentes, como o tótem da feira modernista, para anunciar outros eventos e campañas como Sada Comercio ou as festas patronais, aumentando así a súa utilidade e visibilidade. A xunta directiva da asociación subliña que a colaboración continua entre administración e comercio local é clave para consolidar unha Sada máis atractiva, dinámica e funcional para residentes e visitantes, e para garantir que os recursos públicos repercutan directamente na mellora do tecido empresarial local.

⚙ Configurar cookies
0.18075799942017