Os Clubs de Saúde da Asociación Española Contra o Cancro amplíanse a Curtis-Teixeiro

A Asociación Española Contra o Cancro na provincia da Coruña presentou unha nova edición dos seus Clubs de Saúde, un programa de intervención sociocomunitaria que busca mellorar a saúde física, emocional e social de persoas con cancro, superviventes e familiares. Tras o éxito da edición anterior, nesta segunda convocatoria, que arrancará o 31 de marzo, incorporarase Curtis-Teixeiro, sumándose aos concellos de As Pontes de García Rodríguez, Cedeira, Cee, Melide, Rianxo e Vimianzo. Ademais, a iniciativa conta con Clubs de Saúde satélites en Boimorto e Coristanco.
A presentación do proxecto contou coa presenza de Manuel Aguilar, presidente da Asociación na provincia, así como de representantes institucionais e profesionais sanitarios de diferentes concellos participantes. Entre eles, estiveron os alcaldes de Cee, Curtis e Rianxo, ademais de responsables de sanidade e servizos sociais da Xunta e dos municipios adheridos. Tamén interveu Magdalena Amigo, paciente de Vimianzo, que compartiu a súa experiencia como participante no programa.
Un espazo de apoio e benestar para persoas con cancro
Os Clubs de Saúde foron deseñados para facilitar o acceso a recursos fundamentais en zonas rurais, onde as distancias poden ser un obstáculo para recibir apoio especializado. A través de encontros semanais ata novembro, os participantes asistirán a talleres de 75 minutos sobre alimentación saudable, actividade física, xestión emocional, abordaxe de medos, ocio en grupo e asesoramento sociolaboral, entre outros temas.
As sesións estarán coordinadas por profesionais e voluntarios da Asociación, contando tamén coa colaboración de expertos doutros ámbitos sanitarios e sociais. Ao rematar o programa, realizarase un seguimento personalizado para avaliar o impacto da iniciativa no benestar dos participantes.
A participación nos Clubs de Saúde é totalmente gratuíta e pódese acceder a través dos médicos de cabeceira, servizos sociais municipais ou directamente chamando ao teléfono gratuíto 900 100 036.
A saúde non pode depender dun código postal
O presidente da Asociación, Manuel Aguilar, destacou que a ampliación dos Clubs de Saúde supón un paso máis para garantir que máis persoas no rural poidan acceder a este espazo de apoio e acompañamento. Subliñou tamén a importancia da colaboración institucional para facer posible este proxecto e asegurou que o acceso á saúde non pode depender dun código postal, senón do compromiso de quen traballamos polo benestar dos pacientes oncolóxicos e as súas familias.
Pola súa banda, Javier Francisco Caínzos, alcalde de Curtis, destacou “o traballo desinteresado da Asociación Española Contra o Cancro e da súa Xunta Local de Curtis-Teixeiro, que fai posible prestar este tipo de servizos e ofrecer alento ás persoas afectadas pola enfermidade, que necesitan moito agarimo e apoio”. Tamén agradeceu a labor “dos profesionais dos centros sanitarios e dos técnicos das diversas institucións que colaboran, entre as que se atopa o Concello”. O resultado dese traballo conxunto deu froitos “coa posta en marcha dun proxecto estrela incluído na Axenda Urbana municipal como un plan de acción a desenvolver en base ás políticas previstas na Axenda 2030, que esperamos que dea resultados no día a día de todos os participantes”.
Desde o ámbito sanitario, a doutora Teresa Castro puxo en valor o impacto da iniciativa: “Este tipo de proxectos non só dan apoio, tamén melloran a saúde da poboación”. Pola súa banda, Magdalena Amigo, paciente e participante do programa, asegurou que o Club de Saúde foi unha experiencia moi enriquecedora: “Aprendemos cousas fundamentais sobre o coidado persoal e, ademais, atopamos apoio en persoas que viviron o mesmo que nós”.
En Curtis, o Club de Saúde desenvolverase os luns a partir do 31 de marzo, de 17.00 a 18.30 horas, no centro de saúde da localidade.