Os choqueiros de Veiga desafiaron o trebón coa festa do Luns de Entroido

Nin a chuvia nin o vento: nada detivo aos choqueiros, que se apoderaron de Veiga para celebrar a festa máis xenuína do Entroido de Culleredo, a Romaría de San Blas. A parroquia encheuse de animación, música e, sobre todo, de disfraces creativos.
As celebracións do Entroido arrancaron ao mediodía, despois da misa, cos acordes da orquestra Fania Blanco Show. A pesar de que a chuvia non deu tregua, as ganas de festa e unha carpa fixeron que boa parte das persoas asistentes se esquecesen da auga.
Desfilaron soldadiños de xoguete e pinturas de cera, entre outros, pero a gañadora do concurso foi unha comparsa de galiñas confinadas. Unha señora montada nun singular carriño da compra mereceu o segundo premio aos ollos do xurado, mentres que o podio o completou unha Estatua da Liberdade que portaba unha baliza V16.
Á celebración asistiu tamén o alcalde, José Ramón Rioboo, xunto cos concelleiros do goberno local e da corporación, que non dubidaron en sumarse cos seus disfraces. O Entroido de Veiga foi recuperado pola veciñanza da zona hai varias décadas, e seguen organizándoo coa colaboración do Concello de Culleredo.
Antes de dar paso á comida popular chegou a sátira. A Comisión de San Blas pasou revista á actualidade coa lectura do Testamento, unha serie de coplas humorísticas que espertaron as gargalladas do público.
A programación do Entroido do Concello de Culleredo continuará mañá con animación infantil e obradoiros nos centros O Noso Lar de Tarrío, o Centro Cívico de Sésamo e o Centro Social Ledoñés. O mércores será a quenda do Centro Cívico Castelo. As actividades comezarán ás 17:00 horas.
Ademais, pasado mañá organizarase o obradoiro infantil ‘Entroido espacial’ na biblioteca Miguel González Garcés. A axenda festiva continuará ata o sábado, co Entroido no Centro Cívico de Almeiras.