Os campamentos de Culleredo reúnen a máis de 500 nenos e nenas para favorecer a conciliación

O Concello de Culleredo ten xa en marcha unha nova edición das súas ‘Mañás de Campamento’, unha iniciativa de lecer educativo que, un verán máis, busca facilitar a conciliación das familias e ofrece unha ampla programación para a rapazada do municipio. Este ano son 524 os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que participan nalgunha das quendas previstas, que se desenvolven dende o pasado 23 de xuño ata o 29 de agosto.
As actividades teñen lugar de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas, e repártense en tres centros escolares: o CEIP Sofía Casanova, o CEIP Isaac Díaz Pardo e o CEIP Vila de Rutis. A programación inclúe tamén saídas e dinámicas fóra das instalacións, adaptadas ás distintas idades, e cun enfoque activo e participativo. O Concello ofrece ademais servizos complementarios de almorzo e xantar, co obxectivo de facilitar a organización diaria das familias.
O programa baséase en propostas que abranguen ámbitos como a ciencia, a historia, a natureza, a música, as artes plásticas ou a educación emocional. Este ano, as actividades céntranse especialmente nos xogos ao aire libre e na promoción da convivencia e da interrelación entre os participantes.
Durante os meses de xuño e xullo están inscritos 379 menores, mentres que outros 145 o farán ao longo das distintas quendas de agosto.
Esta semana, a primeira tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo, e a concelleira de Cultura, Penélope López, visitaron aos participantes das primeiras quendas para compartir con eles unha xornada e participar nos xogos organizados polo equipo de monitores.
Pardo destacou que “desde o Concello seguimos apostando por políticas reais de conciliación familiar e as ‘Mañás de Campamento’ son un claro exemplo diso”. Engadiu ademais que “un ano máis a resposta das familias foi moi positiva, contando cun gran número de participantes, o que demostra que este programa é necesario e moi valorado polos e polas cullerdenses”.