Os Bonitos e Vexigueiros volven saír á rúa para manter vivo o Entroido tradicional de Samede

Samede volveu facer valer este ano unha das súas señas de identidade máis singulares: o único Entroido tradicional que se conserva no territorio das Mariñas. A veciñanza da pequena aldea de Paderne vestiu con orgullo os traxes típicos e puxo en escena os seus personaxes máis recoñecibles, os Bonitos e os Vexigueiros, tamén coñecidos como Vixigueiros, nunha xornada na que o costume e a comunidade volveron ir da man.
A comitiva partiu da contorna da capela de Samede e foi sumando xente ao longo dun percorrido circular xa mítico no lugar. Ao redor dun cento de persoas acompañaron o desfile ata o remate, marcado pola tradicional muiñeira cruzada e pola muiñeiriña infantil, que puxeron ritmo a un final de ruta cheo de simbolismo.
A festa continuou despois coa parte máis social do día: xantar popular, o enterro do Policarpo e unha foliada para pechar a celebración, un broche que reforza ano tras ano a vontade de manter viva unha tradición que estivo a piques de esmorecer.
Un Entroido recuperado tirando da memoria
A actual etapa do Entroido de Samede comezou a coller forza en 2015, cando a iniciativa se impulsou a partir dun traballo escolar e, a partir de aí, a veciñanza foi recuperando recordos e testemuños. A presidenta da Asociación do Entroido de Samede, Emilia Cagiao, resume aquel proceso como un exercicio de investigación colectiva: 'comezamos a tirar do fío' e apareceron máis lembranzas das esperadas.
O Entroido de Samede tivo elementos que o fixeron diferente ao doutras aldeas. O ritual estaba moi marcado e, historicamente, a organización recaía nos mozos que licenciaban do servizo militar ese ano. Un mes antes, debían saír de noite na procura dun pino o máis grande posible, vendelo e xuntar cartos para financiar a festa. Nesa estrutura colgaban o meco ou o Policarpo, o anuncio visible de que chegaba o Entroido.
As máscaras son outro dos sinais propios. Os Bonitos son as máscaras características e, cada luns de Entroido, bailábase a muiñeira cruzada, un rito documentado mesmo antes da Guerra Civil. A danza convertíase tamén nunha sorte de escaparate social: mozos e mozas solteiras, en idade de casar, acudían coas mellores galas para amosar o seu poderío.
O percorrido tradicional incluía saídas desde a capela con dez ou doce parellas, paradas polas casas da aldea para bailar o punto da saia e, xa no campo da festa, unha muiñeira cruzada de duración indeterminada. Xunto a estas figuras, o Entroido tamén recupera os 'carolos', unha personaxe ligada aos traxes máis humildes, con enagua e camisa brancas e colares feitos con millo, hoxe reivindicada con orgullo como parte da raíz da celebración.