Os bombeiros percorrerán A Coruña este domingo nun desfile especial polo seu patrón

Os bombeiros da Coruña percorrerán este domingo, 8 de marzo, diferentes barrios da cidade nun desfile especial organizado con motivo de San Xoán de Deus, patrón dos bombeiros en España. A iniciativa permitirá ver circular pola cidade boa parte da frota do servizo municipal nunha ruta que atravesará distintos puntos da urbe.
A saída está prevista ás 10.30 horas desde o parque de bombeiros da Grela. A partir de aí, os vehículos dirixiranse cara a Novo Mesoiro para iniciar un percorrido que continuará por zonas como Matogrande, Os Castros, a fonte de Catro Camiños, a praza de Ourense e a Mariña.
O itinerario seguirá polo paseo marítimo ata a Torre de Hércules e continuará posteriormente por Barrié de la Maza, o Millennium e Os Rosais. A ruta incluirá tamén o paso pola rolda de Outeiro, Salvador de Madariaga, a fonte das Pajaritas e a avenida de Pablo Picasso, entre outros puntos.
Desde o propio corpo de bombeiros animan á veciñanza a saír ás rúas para saudar ao paso da comitiva. O desfile coincide ademais coa celebración do Día Internacional da Muller, unha xornada na que tamén se conmemora a festividade de San Xoán de Deus, patrón do colectivo.