Os barrios dos Castros e Mariñeiros - Peruleiro celebras as festas desde hoxe

As festas nos barrios da Coruña continúan neste ecuador do mes de xullo, coincidindo coas celebracións do Carme, con festexos nos barrios dos Castros e Mariñeiros - Peruleiro.
Do xoves 17 ao sábado 19 o parque de San Diego acollerá a Romaría dos Castros, con numerosas actividades lúdicas para todos os públicos e polbo e churrasco todas as xornadas. O xoves 17 os festexos comezarán ás 21.00 horas co pregón a cargo de Mercedes Conchado e Aradas Mery. A continuación haberá unha foliada tradicional a cargo de Donaire e, ás 22.15 horas, actuará Mercedes Peón co seu espectáculo 'Déixaas'.
O venres a xornada comezará ás 12.00 horas cun pasarrúas a cargo dos Gaiteiros de Cántigas. Ás 13.30 comezará o vermú e xantar popular a cargo dos propios Gaiteiros de Cánticas e o coro Coitelo de Pau. Pola tarde, ás 16.00 haberá xogos tradicionais e a partir das 21.00 celebrarase unha nova foliada popular e haberá actuacións de Pandeireteiras de Bouba, Os Carunchos e Señora DJ. O sábado pecharanse os festexos con alborada co grupo Son d'aquí a partir das 11.00, sesión vermú con José Brea e Miguelón desde as 13.00 e concerto de El Corta ás 17.00 horas.
Por outra banda, en Mariñeiros - Peruleiro o xoves haberá festa infantil desde as 17.30 horas, con inchables acuáticos e festa da escuma. O venres actuará Pablo Balseiro a partir das 22.00 horas e o sábado será o día grande, con actuación das pandeireteiras Miña Xoia ás 13.00 e Aixa Romay na sesión vermú ás 13.30. Xa pola noite actuarán DJ A3060 ás 22.00 e Aixa Romay ás 22.30 horas. Haberá como peche unha sesión de fogos de artificio.