Os alumnos do Centro Ocupacional A Escada viven unha xornada especial con 'Brisa'

O alumnado do Centro Ocupacional A Escada, do Concello de Culleredo, gozou hoxe dunha xornada moi especial xunto a 'Brisa'. Miguel Tabeayo Prego, voluntario e amante dos cans, visitou as instalacións acompañado da súa cadela para amosarlles aos usuarios as súas habilidades e explicarlles como se adestran.
No exterior do centro, o voluntario realizou unha pequena exhibición con 'Brisa', demostrando as diferentes técnicas que domina. O alumnado acolleu a actividade con entusiasmo e admiración polas capacidades do animal.
Esta iniciativa enmárcase dentro do programa de visitas externas organizado pola dirección de A Escada, que semanalmente recibe profesionais e voluntarios de distintos ámbitos para achegarlles aos usuarios novas experiencias e coñecementos en diversas disciplinas.
O obxectivo desta actividade é contribuír ao desenvolvemento das habilidades sociais e fomentar a autonomía do alumnado, brindándolles oportunidades de aprendizaxe enriquecedoras nun ambiente participativo e dinámico.