Ordes súmase ao programa da Xunta para mobilizar solo municipal e construír vivenda protexida no Piñeiro

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, formalizaron esta tarde en San Caetano a incorporación do municipio ao programa da Xunta para mobilizar solos de titularidade municipal destinados á construción de vivenda protexida.
O acordo enmárcase no Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais e abrangue unha parcela de 365 metros cadrados de propiedade municipal situada na rúa Galicia 35, na zona de Quinteiros, no barrio do Piñeiro. Nese terreo prevese a edificación de ata seis vivendas protexidas, que poderán destinarse tanto a alugueiro como a venda, co obxectivo de incrementar a dispoñibilidade de fogar a prezos accesibles no concello.
A través deste convenio, a Xunta pon a disposición do Concello unha ferramenta de apoio técnico para lanzar, mediante concurso público e en réxime de libre concorrencia, a licitación da parcela. O Instituto Galego da Vivenda e Solo encargarse da redacción dos pregos e da preparación dos anuncios, da tramitación da licitación, da constitución e apoio á mesa de contratación e da valoración técnica das ofertas. Pola súa banda, o Concello de Ordes asumirá a resolución final de adxudicación e participará na mesa de contratación.
O convenio asinado con Ordes convértese no sexto deste tipo en Galicia, tras os xa pactados cos concellos das Pontes de García Rodríguez, A Arnoia, Friol, Valdoviño e O Valadouro, e confirma o interese crecente das administracións locais por este programa. A Consellería lembra, ademais, que o prazo para adherirse permanece aberto de xeito indefinido, co propósito de continuar impulsando a creación de vivenda protexida en solos municipais.