Ordes será unha das sedes do I Circuíto de Baloncesto 3x3 da Deputación

O Concello de Ordes converterase o próximo 14 de xuño nun dos epicentros do baloncesto base coa celebración da segunda xornada do I Circuíto de Baloncesto 3x3 promovido pola Deputación da Coruña, en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto. A competición, que comeza este sábado 7 de xuño en Carballo e finalizará o 28 en Brión, contará coa participación de máis de 300 nenos e nenas de entre 10 e 13 anos.
O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, destacou durante a presentación que o obxectivo do circuíto é “levar de novo á rúa un deporte que naceu na rúa, como é o baloncesto” e fomentar a práctica deportiva dende idades temperás. “Fomentar o deporte de base é unha parte fundamental da nosa filosofía, porque aí é onde está o xerme de deporte”, subliñou, engadindo que a Deputación ten postas “moitas esperanzas e ilusión” neste novo formato competitivo.
A parada de Ordes será unha das dúas sedes da fase previa, na que os equipos competirán en liguiñas a dobre volta con catro equipos por grupo, establecidos por sorteo puro. Os encontros xogaranse na rúa, apostando así por un modelo máis accesible, dinámico e adaptado á época estival.
O presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, tamén se amosou entusiasmado con esta aposta: “Estamos entusiasmados con esta nova modalidade de baloncesto que xa é olímpica” e destacou que, ao requirir menos infraestrutura, “é máis versátil e accesible para levar aos concellos da provincia e fomentar novas afeccións ao baloncesto”.
Os 16 mellores equipos de cada categoría na fase previa clasificarán para a fase final en Brión, onde xogarán eliminatorias directas. Os mellores equipos recibirán trofeos, medallas e vales para material deportivo. En Ordes, como en Carballo, espérase unha alta participación e un ambiente festivo, nun evento que aspira a consolidarse no calendario deportivo da provincia.