Ordes será unha das sedes da fase previa do Circuíto de Baloncesto 3x3 da Deputación

ACoruñaXa
A competición está dirixida a nenos e nenas nados entre 2011 e 2016 con licenza federativa para a tempada 2024-2025
basket-dep
22 Apr 2025

O Circuíto de Baloncesto 3x3 Deputación da Coruña, unha nova proposta impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, fará parada en Ordes o vindeiro 14 de xuño, nunha das fases previas dunha competición pensada para fomentar o deporte base na provincia.

A cita desenvolverase en tres localidades coruñesas: Carballo (7 de xuño), Ordes (14 de xuño) e Brión, que acollerá a fase final o 28 de xuño. A competición está dirixida a nenos e nenas nados entre 2011 e 2016 con licenza federativa para a tempada 2024-2025, pertencentes a equipos da provincia.

Establécense tres categorías de participación: Preminibásquet (2015-2016), Minibásquet (2013-2014) e Infantil (2011-2012). Cada club poderá inscribir ata tres equipos por categoría, con entre tres e catro xogadores e un responsable maior de idade e con licenza.

As inscricións, completamente gratuítas, xa están abertas e poden realizarse a través do portal da Federación Galega de Baloncesto. En cada fase previa poderán participar un máximo de 16 equipos por categoría.

Os encontros desenvolveranse nunha única xornada, en horario de mañá e tarde, cun formato de liga de grupos a dobre volta. Os 16 mellores equipos de cada categoría, en función dos puntos obtidos, pasarán á fase final, que se disputará en formato play-off.

Os equipos máis destacados nas fases previas recibirán trofeos e medallas, mentres que os vencedores da fase final tamén serán agasallados con vales para a compra de material deportivo en establecementos da provincia.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, salientou que con esta actividade “a Deputación busca seguir promovendo o deporte base, apostando por iniciativas que leven o baloncesto a diferentes puntos do territorio, como xa se fai con outras disciplinas como o atletismo ou o balonmán”.

A veciñanza de Ordes, Carballo e Brión poderá gozar así dunha xornada deportiva chea de talento, ilusión e futuro para o baloncesto galego.

⚙ Configurar cookies
0.13803601264954