Ordes será escenario este sábado da MTBO 2025 cun récord histórico de participación

ACoruñaXa
A cuarta proba da XXIII Liga Galega de Orientación en Bicicleta reunirá a preto de 70 ciclistas de máis dunha ducia de equipos
ORDES mtbo
5 Sep 2025

A vila de Ordes converterase este sábado, 6 de setembro, no epicentro do deporte galego coa celebración da MTBO 2025, cuarta cita da XXIII Liga Galega de Orientación en Bicicleta. O evento chega con récord autonómico de participación, ao contar con preto de 70 ciclistas inscritos, o que supón a cifra máis alta rexistrada ata o momento nesta disciplina en Galicia.

A proba, de distancia media, desenvolverase en bicicleta de montaña e terá a particularidade de que o percorrido só se coñecerá minutos antes da saída coa entrega dos mapas correspondentes. O desafío consistirá en completar o trazado no menor tempo posible sen abandonar os camiños autorizados.

A saída está prevista para as 10.00 horas nas inmediacións do centro médico, mentres que a praza Cidade de Veracruz acollerá os puntos de información e de recollida de material. Establécense sete percorridos diferentes segundo categorías, con distancias que van dos case 8 quilómetros ata os 13,5.

O Club SEO de Ordes actuará como anfitrión para máis dunha ducia de equipos galegos e de fóra da comunidade, entre eles o ADC Arnela (Porto do Son), Aromón (Pontevedra), Artabros (A Coruña), Brigantia (A Coruña), Budiño Raid (O Porriño), Compás (Lugo), Fluvial Lugo, Gallaecia Raid (Culleredo), Montbreaumo (Pontedeume), Nordeste (Asturias), OP Betanzos, Raza Palleira (Nigrán) e Xesteiras (Cuntis).

⚙ Configurar cookies
0.17341613769531