Ordes saca a licitación a parcela do antigo karting no polígono de Merelle

O Concello de Ordes abriu o proceso de venda da parcela onde se ubicaba o antigo karting, situada no polígono industrial de Merelle. Trátase dun terreo de 6.100 metros cadrados, para o que se establece un presuposto base de licitación de 454.005,31 euros. As ofertas poderán presentarse na plataforma de contratación do sector público ata o 25 de novembro.
Coa aprobación definitiva do Pxom, a parcela deixou de estar catalogada como equipamento deportivo e pasou a ter carácter lucrativo, aplicándoselle agora a ordenanza comercial tipo B, que permite usos comerciais e industriais. A entidade ou empresa que resulte adxudicataria deberá cumprir os compromisos recollidos nos pregos, entre eles a posta en marcha da actividade no prazo máximo de 12 meses.
Os fondos obtidos coa venda destinaranse á reinversión en patrimonio do solo municipal. O obxectivo do goberno local é contar con recursos para adquirir solo urbano consolidado e promover vivenda pública, así como participar xunto a outras administracións na compra dos terreos do ámbito S-12 previsto no Pxom, destinado á expansión do parque empresarial de Merelle.